Tuesday 14 de May de 2024

Román Rodríguez recorda a orixe galega do exitoso programa europeo de computación na nube nas escolas rurais


O conselleiro de Cultura e Educación participou na conferencia final desta iniciativa, que naceu ao abeiro da primeira experiencia posta en marcha polo CRA de Boqueixón-Vedra e o CESGA en colaboración co departamento educativo da Xunta

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na conferencia final do proxecto Comenius ‘Rural School Cloud. TIC e ruralidade’, ocasión que aproveitou para salientar a orixe galega deste exitoso programa configurado por 12 socios europeos. Neste sentido lembrou que a iniciativa naceu ao abeiro da primeira experiencia de computación na nube desenvolvida polo Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón-Vedra, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia, o departamento educativo da Xunta no ano 2010 e Hewlett Packard.

Así mesmo resaltou a aposta que tanto a súa Consellería como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o CESGA fixeron no 2012 para estender a devandita iniciativa a 3 CRAs máis (Amencer de Ribadavia, Ponteceso e Vilaboa), configurando a ‘Rede de Escolas na Nube’, para o que se contou ademais co apoio da empresa galega Balidea Consulting & Programming. Unha acción moi ben valorada, que acadou galardóns tan relevantes como o premio á mellor iniciativa de e-content española e finalista mundial nos ‘World Summit Awards da UNESCO 2013’, o COMPUTERWORLD&CIO Iberoamericanos 2012, ou o outorgado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia á mellor iniciativa emprendedora de 2013.

Román Rodríguez sinalou, asemade, estes proxectos como unha ferramenta única a prol da equidade no ensino que favorece a igualdade de oportunidades e a relación directa entre centros educativos do rural, ao combater tanto a dispersión poboacional como a despoboación do rural. “Estamos diante dunha medida de equidade territorial e social,”, explicou.

A realidade rural na escola europea
Tras o éxito das devanditas experiencias, Galicia presentou o proxecto que se pecha coa conferencia de hoxe á convocatoria Comenius de 2013, o que fixo posible o seu desenvolvemento con financiamento da Axencia Europea de Educación, Audiovisual y Cultura (EACEA) dentro do seu programa Life Long Learning. Desde outubro de 2013 RuralSchoolCloud “Cloud Computing for School Networking & Learning”(Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola) pon en práctica metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras, en concreto,computación na nube, dispositivos móbiles e software aberto, no ámbito da educación en centros educativos rurais ou illados para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes.

Liderado polo CESGA e a Universidade de Santiago de Compostela e con participación de 4 CRAs galegas, o resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca (Universidade VIA, a segunda maior do país), Grecia (AKETH, centro de formación de adultos), Italia (Provincia di Parma, administración local), Reino Unido (Devon County, administración local) e Macedonia (MII, centro de formación e consultoría europea); todos relacionados de forma directa con centros de ensino no rural ou illados, como no caso das escolas insulares de Dinamarca. Formaron parte da acción desde o seu inicio a Consellería de Cultura e Educación, a AMTEGA, as empresas HP e Balidea e a Asociación de Docentes daneses, entre outros socios.

Ao longo da xornada de hoxe os participantes presentarán os resultados e conclusión desta experiencia bianual, e exporanse outras iniciativas como o proxecto de implantación do libro dixital impulsado pola Xunta, E-Dixgal, entre outras.